CRTVG

Buscar

A rede de atención primaria de España subministrará a vacina anticovid-19

Publicado o 23/11/2020 08:18

• O Goberno central prevé comezar en xaneiro

• Prioridade para sanitarios e persoas maiores

Unha estratexia única para toda España e a utilización, presumiblemente, da rede de atención primaria son as dúas claves do plan de vacinación contra a covid-19 que avanzou este domingo o presidente do Goberno.

Pedro Sánchez dixo que os grupos prioritarios para recibir a dose serán sanitarios e persoas maiores, con especial foco nas residencias; prevese comezar en xaneiro.

Mañá aprobarase no consello de ministros a estratexia de vacinación contra a covid-19 que o presidente do Goberno xa avanzou que será única para todo o Estado.

Pedro Sánchez dixo que unha parte moi substancial da poboación poderá ser vacinada con garantías durante o primeiro semestre de 2021. Prevese comezar en xaneiro.

Haberá grupos de poboación que recibirán a vacina con prioridade, que inclúen sanitarios e persoas maiores das residencias, pero non será obrigatoria. Establecerase un sistema de seguimento e avaliación.

España recibirá un dez por cento dos 1.200 millóns de doses, ampliables, que merca a Unión Europea, e é o primeiro país canda Alemaña en deseñar a estratexia para subministrala, e para iso conta cun grupo de expertos multidisciplinar.

Cóntase con que o Ministerio de Sanidade provexa as vacinas e que as comunidades autónomas dispoñan os recursos materiais e humanos para subministralas.

De momento, cautela

Todo isto nun escenario en que a incidencia da pandemia en España aínda é moi alta, como recoñeceu onte o presidente.

Con iso, cada autonomía segue coas súas medidas de contención do virus. Hoxe Cataluña comeza a súa desescalada: os bares poderán abrir ao trinta por cento e permítese reiniciar as actividades culturais.

Madrid ergue restricións en sete zonas básicas de saúde e actívaas noutras seis, co cal, queda en trinta arestora, e pechará durante a ponte da Constitución. Andalucía prorroga ata o dez de decembro os peches e as restricións de mobilidade.

E a preocupación está tamén posta en datas ulteriores. Pedro Sánchez apela á resposabilidade no Nadal para evitar unha terceira vaga en xaneiro. 

Noticias web

23/11/2020