CRTVG

Buscar

Recadan cartos para comprarlle un coche adaptado a un neno de Noia que padece unha enfermidade rara

Publicado o 04/08/2020 14:28

Andreas é un neno de Noia que vai facer tres anos en setembro. Sofre unha enfermidade rara, AME, no grao máis alto.

A atrofia muscular espiñal é un mal dexenerativo que afecta o aparato motor, a deglutición e a respiración. Precisa atención continuada, do que se encarga súa nai, Jessica, que nos recibe nunha estancia da casa equipada e adaptada ás necesidades do cativo. Pero fáltalles un elemento importante para a mobilidade de Andreas.

Jessica Inés explícanos que teñen unha cadeira manual. "Falei coa rehabilitadora que leva o neno e, en principio vanlle mirar unha cadeira motorizada para poder moverse pola rúa e nós non temos un coche adaptado para a cadeira".

A doazón pódese realizar en gofundme.com. Para dispoñer desa cadeira fai falta un coche adaptado e a carencia de cartos levouna a poñer en marcha unha colecta para adquirir un de segunda man.

Faino a través de Internet, nunha plataforma onde cada quen pode facer a súa achega solidaria.

"- Empezamos hai un mes. Recadados na campaña van mil euros e logo, dun rapaz de Ribeira, Abraham, que nos axudou facendo unha capela e rifándoa. O que conseguiu, mil euros, pasoullo ao neno, co que levamos 2.000 euros.

- E canto fai falta?

- Para un coche adaptado de segunda man, máis ou menos 15.000. Pero aínda que non cheguemos, polo menos conseguir unha parte. O resto financiarémolo, claro".

Conseguir ese obxectivo melloraría a perspectiva vital de Andreas e os seus desprazamentos.

A familia de Andreas ten a esperanza de poder agasallalo o día 3 de setembro cunha pequena viaxe no coche adaptado para acoller a súa cadeira motorizada e que pasee ao aire libre.


 

Noticias web

04/08/2020