CRTVG

Buscar

Rebaixas máximas, cortes de roupa desde un céntimo en Ferrol

Publicado o 07/01/2020 22:33

Desde as oito da mañá xa había xente facendo cola á porta desta tenda do centro de Ferrol que hoxe empezaba as rebaixas con ofertas imbatibles. Liquida existencias desde 1 céntimo.

"Todos son moi baratos. En cada retrinco que collan de aquí, ao prezo que sexa, eu estou perdendo cartos. Estou recuperando liquidez para comprar para o ano próximo".

Cortes de abrigo, de chaquetas, de saias ou de blusas. A inmensa maioría das clientas son mulleres. Algunhas con moita experiencia para localizar as pezas máis rebaixadas.

"Atopei dúas dun céntimo, que é o máximo que se pode levar. É bastante difícil", di unha das clientas.

"Collemos teas por 50 céntimos e por un euro, que eran de case 9 euros e é unha ofertaza. Viñemos ás oito da mañá a facer cola porque isto encheuse. Xa vedes como está".

"Un abrigo, un vestido e outro vestido. Paguei outro máis caro, pero estes dous céntimos", di outra muller, satisfeita.

Santi está en idade de xubilación e á súa muller fáltalle pouco. Por iso tampouco lles importaría desfacerse do negocio e do local, que comprou hai 25 anos.

"Compreino en pesetas e paguei 15 millóns de pesetas. Se alguén vén con eses cartos, mañá marcho pola porta. Polo local, a mercadoría negociariámola".

As rebaixas dos retrincos de temporada continuarán durante todo o mes.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/01/2020