CRTVG

Buscar

Reabren centros comerciais entre unha gran expectación dos clientes e cos protocolos esixidos

Publicado o 25/05/2020 14:41

As imaxes non enganan. Así de longa era a cola esta mañá á hora de apertura de portas dunha multinacional do moble situada na principal área comercial da Coruña. Ducias de persoas agardaban a súa quenda mentres os operarios intentaban que o acceso se producise do xeito máis ordenado posible.

Clientes que foron recibidos con aplausos por parte do persoal. Cabe lembrar que nesta segunda fase da desescalada, a acollida máxima permitida dentro dos locais é do corenta por cento do total. Colas máis modestas, pero afluencia constante podía observarse tamén nalgunhas outras grandes tendas da mesma superficie comercial.

Na entrada ás instalacións, elementos de desinfección como alfombras ou xeles, e xa dentro do locais, distintas medidas de sinalización, advertencias, máscaras e zonas acoutadas. E traballo, moito traballo, para os servizos de limpeza, que se afanaban en desinfectar mostradores unha e outra vez. Unha situación, en xeral, que pouco ten que ver coa que os clientes podían experimentar hai algo máis de dous meses, cando se declarou o estado de alarma e se pecharon estes establecementos.

A animación nos comercios contrasta co silencio nas áreas de descanso e recreativas, que, de momento, non se poden usar máis que a xeito de zonas de tránsito á espera de mellores tempos.

Noticias web

25/05/2020