CRTVG

Buscar

Reaparecen en Cambados os dous renos supostamente roubados

Publicado o 30/12/2019 14:38

Os renos da casiña de Papá Noel de Cambados apareceron esta mañá ás portas da morada. Ninguén sabía dar razón de quen os deixou alí e todo apunta a que os ladróns das dúas figuras de madeira o pensaron mellor e decidiron devolvelos sen que transcorreran nin 24 horas. Os renos gárdanos de noite na casiña, pero onte ás sete e algo unha parella entrou ao asalto. Lisa viu a acción desde o quiosco.

"El empezou a darlle patadas á porta para abrila, pero non o conseguía, e logo deulle tres patadas á ventá. Abriuse e entrou ela. Custoulle moito porque a ventá é pequerrechiña. Custoulle un traballo tremendo. E pensei qué irían facer estes aí dentro. E logo colleron el un reno e ela outro e marcharon por aí".

Engade que pensou intervir, pero ante situación, de noite e ela soa, descartouno. Lisa, como máis veciños, láianse dos estragos ocasionados nos adornos públicos.

"Á árbore da praza do Concello estaba chea de adornos e leváronos. Repuxeron os adornos e volvéronos levar. Noutros quitaron as bólas varias veces. Ou sexa, que en Cambados non pode haber nada".

Os renos volveron ao sitio, supostamente por obra ou encargo de quen os levou. Iso si, algo prexudicados na cabeza e frouxeira de patas. Pero, nada que non se poida reparar na carpintería.

Noticias web

30/12/2019