CRTVG

Buscar

Finaliza sen éxito a busca do home desaparecido en Boimorto

Publicado o 07/03/2020 21:22

Rematou sen éxito a busca do home desaparecido hai sete días no concello coruñés de Boimorto. Un dispositivo no que participaron preto de duascentas persoas estivo rastrexando os montes da zona, pero tampouco hoxe deron con el.

Despois de sete días sen resultados, esta mañá organizouse un novo operativo de busca do ancián de 82 anos que foi visto por ultima vez preto da súa casa, na parroquia de Brates, no concello coruñés de Boimorto.

Segundo Angel González López, voceiro da familia ,tiñan "unha indicación dun veciño que o viu sobre as oito e media, que coincide coa súa descripción, pero que non o pode asegurar cen por cen. Enfocamos a busca nesa dirección, pero nada, non foi frutuosa. Por iso montouse este dispositivo, un pouco á desesperada, unha semana despois, con todo ese voluntariado ao que lle estamos moi agradecido".

Dispositivos aéreos, cabalos e motos apoiaron a busca de case duascentas persoas dirixidas pola Garda Civil e que contaron coa participación de Protección Civil de Boimorto, Arzúa, Betanzos e Arteixo así como a Axencia Galega de Emerxencias e de numerosa veciñanza.

Luís Nicolás Arroyo, Capitán da Garda Civil do Destacamento de Santiago de Compostela, conta as hipóteses que barallan: "Polos problemas de memoria e de recordos, pola súa enfermidade, da que esta persoa estabase a medicar, puxérase a andar, e se desorientara e non soubo voltar. Nesa desesperación da noite, porque se lle viu por última vez as 20 horas do día 29, puido ter un accidente, unha caída, nun río ou nun noiro, apunta.

Os equipos de busca repartíronse por dez zonas para dar unha maior cobertura que en días anteriores a unha área chea de silvas, montes de eucaliptais e incontables regatos.

Durante toda a maña os participantes no operativo percorreron os arredores a partir da vivenda do desaparecido pero polo momento sen éxito.

Manuel Fandiño Mella vivía só e, segundo a familia, estaba medicado por principios de alzhéimer.

No momento da súa desaparición levaba unha chaqueta verde, pantalóns escuros e xersei azul mariño. A súa familia pide a quen o puidera ver que avise a Garda Civil ou chame ao teléfono de emerxencias 112.

Noticias web

07/03/2020