CRTVG

Buscar

Reabre o mercado de Salgueiriños, con só 8 postos dos 65 autorizados e pouco público

Publicado o 28/05/2020 15:15

O mercado semanal de Salgueiriños en Santiago reabriu esta mañá con polémica.
Habitualmente hai 242 comerciantes ambulantes que teñen permiso para instalarse, pero nesta fase do desconfinamento o Concello só outorgou 65 licenzas, aos que tiñan ao día os pagamentos.

En protesta, a maioría optou por non montar os postos. Só se puxeron oito: cinco de produtos agroalimentarios e tres de prendas de roupa. Houbo momentos de tensión á primeira hora cando entraron no recinto da feira estes últimos.

Contra as dez da mañá chegaban os primeiros compradores, que se sorprendían da escaseza da oferta.

"Normalmente sempre está cheo, hai postos por todos lados, e hoxe nada, catro postos".

Máis clientes fóronse achegando ao mercado de Salgueiriños conforme avanzaba a mañá, animados tamén polo bo tempo. Os vendedores din que non se queixan, pero, claro, con esta perspectiva, non hai quen faga feira.

"Contaba que houbese máis porque estaban para poñer 65 postos e atopamos media ducia. Eu merquei unha leituga".

"Moito non vendemos. Veu a xente crendo que ía haber algo máis, así que deu unha volta e viu o que había e comprou algo nos postos e xa marchou".

"Aínda foi habendo algo de xente, pero.... eu non me queixo, fun picando. A xente veu pensando que ía haber algo máis de roupa".

Os vendedores ambulantes que boicotearon o mercado reclaman que poidan poñerse todos á vez. Fóra de cámara, os dos postos de roupa que venderon hoxe explicaron que teñen seguir traballando para facerlles fronte a pagamentos pendentes e aos gastos da súa actividade.

Noticias web

28/05/2020