CRTVG

Buscar

Reabre o Concello de Vilagarcía tras confirmarse o negativo das 43 PCR realizadas

Publicado o 22/09/2020 22:29
Reabre o Concello de Vilagarcía tras confirmarse o negativo das 43 PCR realizadas

Despois de permanecer tres días pechado "por precaución", o Concello de Vilagarcía de Arousa reabre este mércores as súas portas ao público con todas as medidas de seguridade para que calquera trámite poida realizarse sen temor a posibles contaxios. Faino tras coñecerse o resultado negativo das 43 probas PCR realizadas nos últimos días. Entre elas, figuran as cinco persoas que a semana pasada deron positivo nas probas serolóxicas e outros traballadores e concelleiros que estiveron en contacto con elas.

Así, a segunda PCR realizada ao alcalde, Alberto Varela, unha das cinco persoas que deran positivo nos tests serolóxicos, e que desde o pasado venres permanecía confinado, tamén foi negativo, polo que se descarta a posibilidade de que estea contaxiado.

O concello de Vilagarcía dispoñerá desde o momento da súa reapertura de alfombras desinfectantes, dispensadores de xel hidroalcohólico en cada piso, pantallas en cada punto de atención e circuítos con separación persoal e entradas e saídas diferenciadas. Aínda así, o Goberno local lembra que, como durante os días nos que permaneceu pechado ao público, "os cidadáns teñen á súa disposición a posibilidade de ser atendidos por vía telefónica ou telemática".

O peche temporal do concello de Vilagarcía decretouse o pasado venres 18, tras coñecerse que algúns traballadores deran positivo nas probas serológicas ás que foron sometidos. O luns coñeceuse que as primeiras 38 PCR realizadas, incluídas as dos membros do goberno municipal, deran negativas. Ese mesmo días realizáronse novas PCR aos traballadores que restaban, así como unha segunda proba ao alcalde. Tras coñecerse que o resultado de todas elas foi negativo determinouse que todos os servizos municipais volvan funcionar con normalidade a partir do mércores 23.

 

Noticias web

22/09/2020

Máis sobre Vilagarcía de Arousa