CRTVG

Buscar

A conselleira do Mar busca unha rebaixa dos recortes nas cotas de pesca

Publicado o 11/12/2019 10:13

Galicia fará todo o posible para evitar o impacto social e económico que suporía o recorte nas cotas de pesca que propón Bruxelas. Díxoo a conselleira do Mar, Rosa Quintana, antes de participar en Madrid no Consello Consultivo de Política Pesqueira.

Os recortes das cotas de pesca que propón a Comisión Europea para o ano que vén terían un impacto duns 86 millóns de euros na economía galega. Afectan sobre todo a pescada, o xurelo e a cigala. A conselleira do Mar intentará convencer as autoridades europeas de que é posible suavizar algúns recortes.

Rosa Quintana, conselleira do Mar: "É unha negociación complicada. A proposta da Comisión é dun impacto social e económico que España non se pode permitir. En Galicia faremos todo o posible para evitar este impacto".

A conselleira presentará este vídeo en Bruxelas para facer visible a importancia do sector pesqueiro en Galicia.

Rosa Quintana, conselleira do Mar: "Non é de xustiza promover a remuda xeracional, que a sociedade aposte por esta actividade económica, e, ao mesmo tempo, adoptar medidas a moi curto prazo que farían desaparecer unha parte importante da nosa frota pesqueira".

E, por iso, rexeita uns recortes que afectan 3.700 tripulantes só en Galicia. 

Noticias web

11/12/2019