CRTVG

Buscar

Queixas polas molestias que causa unha charca en Chantada

Publicado o 27/01/2021 14:03

Un desnivel na terra, un manancial e a chuvia. Son os tres ingredientes que formaron esta charca na traseira dun edificio de Chantada que os veciños levan aturando dende que se construíu o inmoble, no 2006.

Unha furgoneta abandonada é o exemplo máis visible dos residuos que se amorean na charca e que inclúen tamén lixo de todo tipo. Ademais, entre a auga e nas beiras crían serpes, ratas e insectos que, segundo os donos das vivendas, supoñen un foco de contaminación. Por se fosepouco, a auga estancada produce cheiros moi intensos e os garaxes do edificio xa quedaron anegados en numerosas ocasións cando chove con intensidade. Os veciños están fartos desta situación e piden unha solución urxente.

"Aí hai ratas, serpes e de todo. Tamén moito lixo e moitos cheiros. Xa levamos moitos anos aturando esta situación".

"Ben se ve como está a charca. Ademais dos bichos e as filtracións, os da parte de atrás teén que aturar os cheiros."

O edificio está máis baixo que a finca onde está a charca polo que o estancamento da auga é inevitable. As 25 familias que habitan o inmoble cren que a mellor solución sería facer unha drenaxe e canalizar as augas estancadas ata un regato que hai a poucos metros. Con todo, habería que chegar a un acordo cos propietarios das leiras que están por detrás do edificio para facer a instalación das tubaxes.

Mentres non chega o acordo, non lles queda máis remedio que seguir aturando a charca.

Noticias web

27/01/2021