CRTVG

Buscar

Queixas en Meis polos danos que ocasionan cabalos ceibos

Publicado o 06/03/2020 13:57

Os cabalos ceibos no monte Castrove non se verán polo día, pero da súa visita nocturna ás leiras da parroquia de San Tomé, en Meis, saben os veciños afectados.

Lola amósanos na súa propiedade de Nogueiró de Arriba os danos que ocasionaron nos últimos días na súa horta e na viña.

"Viñeron os cabalos e levantáronme as patacas, tombaron a cebada, tiráronme os arames, tiraron os xugos. Que vou facer con eles. Eles non aparecen. Que me pechen a leira, que me levanten a viña".

Conta a prexudicada que acudiu ao Concello na procura dalgunha aclaración sobre a propiedade dos cabalos, pero volveu como foi. A identificación dos donos dos animais non é doada e, en consecuencia, non saben a quen reclamarlle a reparación duns danos que se producen con frecuencia.

"Desde que estou aquí e ceibaron cabalos no monte, todos os anos hai estragos, di Lola. Preguntámoslle se saben de que son: "Eu que sei de quen son, uns din eu non teño, outros que meus non son... Ninguén asume a propiedade dos animais. Que boten man deles e a min que me deixen en paz. Que boten man deles e que os leven para a casa deles. Se non os poden coidar que llos manteñan os pais, pero eu non. Eu, non".

Insiste a veciña do concello de Meis en que alguén ten que reparar os danos que atribúe aos cabalos ceibos. Tamén pide a fin desa maneira de telos soltos no monte, para que se movan ás súas anchas mesmo polas leiras privadas.

Noticias web

06/03/2020