Queda en liberdade o home acusado de tentar matar a exmuller no Grove
Neste 25 de novembro, a poboación do Grove tamén saíu á rúa para expresar o seu rexeitamento á violencia machista.
Xusto un día despois de que a Audiencia Provincial de Pontevedra emitira un auto que corrixe a decisión do xulgado de Cambados e dita liberdade para un home que, hai case dous anos, intentou supostamente matar a súa exparella, da que tiña orde de afastamento, cunha arma de fogo.
Os feitos sucederon o 5 de decembro de 2018. O home disparou a súa exmuller e despois atrincheirouse na vivenda, antes de lesionarse a si mesmo.
Foi detido e, tras ser tratado nun hospital, permanece en prisión preventiva, acusado de homicidio en grao de tentativa, quebrantamento continuado de medida cautelar e maltrato, así como violación de morada.
O pasado 20 de outubro a xuíza de instrución de Cambados desestimou, por terceira vez, a súa posta en liberdade provisional, tendo en conta a gravidade dos feitos que se lle imputan e o risco de que fuxise.
Agora, a Audiencia Provincial emenda a decisión do xulgado de Cambados. Entende, segundo explica no auto que ditou onte, que a prisión provisional, aínda sen restarlle gravidade ás acusacións, non pode perseguir "fins punitivos ou de anticipación da pena".
Ademais alega que xa pasou máis de ano e medio en prisión preventiva, que ten arraigamento persoal e familiar e que non ten recursos económicos suficientes para unha fuxida.
A isto engaden os xuíces que aínda non remataron as dilixencias previas nin se realizou a reconstrución dos feitos, polo que non se prevé que o xuízo vaia ser en datas próximas.
Eva, a vítima, amosa a súa indignación pola resolución xudicial. "Que xustiza é esta que pon o agresor na rúa?", pregúntase.
"Non o entendo, é unha desprotección total", engade, ao tempo que se queixa de "ter que andar agora atada a un dispositivo", unha pulseira que tamén lle porán a el, para garantir, segundo a Audiencia, con medidas "menos gravosas", o control telemático do acusado.