CRTVG

Buscar

Que fago se o meu fillo ten síntomas de covid-19? Os pediatras piden calma

Publicado o 06/10/2020 15:30

Os pediatras fan un chamamento á tranquilidade tras o aluvión de chamadas recibidas nas primeiras semanas do curso por posibles casos de coronavirus. Din que na maior parte das ocasións se trata de doenzas ordinarias coa mesma incidencia ca outros anos.

A febre ou os virus son habituais nos nenos, sobre todo coa chegada do frío e o regreso ás aulas. A cuestión este ano é descartar que se trate de coronavirus, e para iso o primeiro é deixar o neno na casa e observar.

Sonia Arias Álvarez, pediatra do centro de saúde de Arzúa: "Ese neno non debe ir á escola, hai que facerlle unha observación domiciliaria e se os síntomas se complican con febre, febrícula de máis de 37.5, moita tose ou dificultade para respirar entón desde logo que se teñen que poñer en contacto co seu centro médico".

En función da idade, do historial e dos síntomas do neno, o pediatra encargarase de valorar se é necesario encargar unha PCR. Malia todo, piden tranquilidade porque a incidencia e a letalidade do virus entre os nenos é baixa.

Sonia Arias Álvarez recorda que o 99% dos nenos pasan a enfermidade de xeito leve ou asintomático.

"O coronavirus non é a doenza que máis preocupa aos pediatras", di.

A vacinación dos nenos contra a gripe podería evitar parte da confusión. Pero vanse priorizar os grupos de risco ante un posible desabastecemento.

"Corremos o risco de quedar sen vacinas da gripe, así que as recomendacións seguirán sendo as mesmas de temporadas anteriores, vacinar nenos con enfermidades crónicas e grupos de risco", alerta a doutora Arias.

No lado positivo, os pediatras destacan que o lavado de mans e a máscara están a diminuír a incidencia doutras doenzas contaxiosas.


 

Noticias web

06/10/2020