CRTVG

Buscar

Puy rexeita a "solución fácil" do confinamento que expón o BNG

Publicado o 18/01/2021 16:22

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, rexeitou este luns a "solución fácil" do confinamento que expuxo o BNG e que considera que só está baseada na "opinión persoal" de quen a propón, a portavoz nacional do partido, Ana Pontón. Pontón propuxo este mañá un "confinamento de quince días" se a terceira onda de contaxios non remite proximamente.

Nunha conferencia de prensa no Parlamento, Puy considerou que as medidas propostas polo comité clínico, que asesora á Xunta na xestión da pandemia, son as que se deben "seguir e atender" porque é "bo coñecedor das circunstancias e ten información" respecto da situación epidemiolóxica de Galicia.

Pola contra, outro tipo de propostas "que non teñen, de entrada, máis aval que a opinión persoal de quen as pronuncia, non teñen o valor científico e o pouso de meditación de quen está á fronte da loita contra a pandemia", advertiu.

"Mentres o virus siga por aí a solución fácil é que todos nos metamos en casa", admitiu Puy, pero puntualizou que "iso ten outras consecuencias, sen abandonar o propio campo da saúde pública".

Noticias web

18/01/2021