CRTVG

Buscar

PSOE e Podemos aparcan o imposto ás grandes fortunas para facilitar o pacto de reconstrución

Publicado o 24/06/2020 22:32

• O PP e PSOE manteñen reunión e emprázanse a seguir falando


 

PSOE e Podemos aparcan o imposto ás grandes fortunas para facilitar o pacto de reconstrución

PSOE e Unidas Podemos acordaron este mércores un documento conxunto con propostas para a recentemente creada Comisión parlamentaria para a reconstrución social e económica de España; nel non concretan a creación dun novo imposto que grave as grandes fortunas, como querían os de Pablo Iglesias. 

Ambos os grupos apostan por subir os impostos para asimilar a carga fiscal en España á media dos países da UE, aínda que evitan concretar cales no seu acordo, que agora compartirán co resto de formacións políticas co obxectivo de buscar un consenso máis amplo. E é que será a citada Comisión da reconstrución a encargada de aprobar o documento definitivo que pode servir de base para a elaboración duns próximos Orzamentos Xerais do Estado, ao fixar xa unha serie de políticas prioritarias en que centrar os recursos.

No texto rexistrado a última hora desta tarde no Congreso, os socios da coalición defenden "avanzar na seguridade xurídica, certeza e progresividade" do sistema fiscal español, "a fin de que acheguen máis quen máis teñen para que reciban máis quen máis o necesitan" e apostan por "desenvolver de maneira efectiva unha fiscalidade verde, segundo as recomendacións da Unión Europea".

Tamén apostan por "fortalecer a prevención e loita contra a fraude fiscal, especialmente a relacionada coas grandes fortunas e a economía somerxida, en cooperación entre administracións, tanto a escala nacional como internacional".

Non mencionan a reforma laboral

Ambas as formacións propoñen potenciar os ERTE, dentro do diálogo social, para estudar "un marco adecuado de regulación e cofinanciamento para que os ERTE sexan un instrumento de flexibilidade interna das empresas e protección do emprego", e analizar a continuidade de ERTE parciais que favorezan axustes na redución da xornada.

O acordo non menciona a reforma laboral e chama a "loitar contra a precariedade e temporalidade excesiva mediante as reformas pertinentes, no marco do diálogo social". Aposta por potenciar a formación profesional, reordenar e simplificar unhas prestacións por desemprego, asegurando "contías dignas", a revisión das políticas activas de emprego, os incentivos á contratación, e un "novo dereito á formación continua"

Acordan inspeccións periódicas nas residencias

PSOE e Unidas Podemos acordaron a necesidade de garantir a atención sanitaria da terceira idade nas residencias mediante a coordinación dos sistemas sanitario e social e desenvolver un sistema de "inspección periódica" que permita comprobar que estes centros cumpren as condicións esixidas. 

Piden que nas residencias o seguimento da atención sanitaria o realice o centro de saúde con derivación a hospital cando a situación clínica o requira e que se establezan protocolos de atención en situacións terminais e de coidados paliativos asimilados aos domiciliarios. 

O PP e PSOE manteñen reunión e emprázanse a seguir falando

Dirixentes do PP, do PSOE e do Goberno reuníronse esta tarde, a poucas horas de que o Congreso debata o decreto sobre a "nova normalidade", e emprazáronse a seguir falando nos próximos días, segundo informaron fontes populares.

O PP non avanzou aínda cal será o seu voto sobre esta norma, aínda que o líder do partido, Pablo Casado, asegurou que estaban dispostos a apoiala sempre que o Goberno se aviñese a dialogar e negociar melloras no texto.

Nesta reunión estiveron a vicepresidenta segunda do Congreso Ana Pastor e o secretario xeral do Grupo Popular Guillermo Mariscal mais a portavoz socialista Adriana Lastra e o secretario xeral do grupo Rafael Simancas.

Por parte do Executivo estiveron o secretario xeral de Presidencia do Goberno, Félix Bolaños, e o secretario de Estado de Relacións coas Cortes, José Antonio Montilla. Segundo as mesmas fontes, intercambiáronse as conclusións dos respectivos grupos na comisión de reconstrución e emprazáronse a seguir falando nos próximos días.

Os populares insisten na súa proposta dun pacto de Estado pola Sanidade e aseguran que a súa vontade de chegar a acordos alcanza outros ámbitos, como o económico.

Noticias web

24/06/2020