CRTVG

Buscar

PSOE e PP chegan a un acordo en RTVE e negocian a renovación do Poder Xudicial

Publicado o 25/02/2021 15:22

O Goberno e o PP anunciaron este xoves á primeira hora que pecharon un acordo para renovar o Consello de RTVE e emprazáronse a seguir negociando para acometer a renovación doutros órganos constitucionais co mandato caducado, como o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), o Tribunal Constitucional ou o Defensor do Pobo.

Segundo confirmaron fontes socialistas, o acordo de renovación tamén inclúe o PNV. Así, PSOE e PP sinalaron que o presidente da Corporación será José Manuel Pérez Tornero, o creador do formato educativo A aventura do saber e o quinto clasificado no concurso público para elixir o Consello de RTVE.

O proceso culminará coa votación dos catro membros que elixirá o Senado. O Goberno e o PP levan unha semana de intensas negociacións para renovar RTVE e o resto de órganos.

Despois de meses de bloqueo, e tras celebrárense xa as eleccións catalás, que dificultaban o achegamento, o presidente do Goberno Pedro Sánchez telefonou o pasado mércores 17 ao líder do PP, Pablo Casado, para retomaren as negociacións do CXPX e de todo un paquete de órganos constitucionais que tamén están en funcións. Agora, e tras desbloquearen a renovación da Corporación, os mesmos partidos políticos emprazáronse para tratar de alcanzar un acordo nos próximos días que permita o desbloqueo dos órganos constitucionais e institucionais cuxa renovación está pendente ou terá que acometerse en próximas datas.