CRTVG

Buscar

PSA Vigo non retomará a actividade ata que se reactive o mercado de vendas

Publicado o 22/04/2020 17:41
PSA Vigo non retomará a actividade ata que se reactive o mercado de vendas

As plantas de PSA permanecerán pechadas, entre elas a factoría de Vigo, ata que non se reactive o mercado de vendas, tal e como trasladaron fontes da empresa, que se remiten ás palabras do director financeiro do grupo, Philippe de Rovira.   

Fontes da fábrica de PSA Peugeot Citroën en Vigo trasladaron que, tal e como adiantou o director financeiro nas últimas horas, a planta seguirá parada e a decisión da volta ao traballo adoptarase "cando se reactive o mercado".   

Philippe de Rovira xa sinalou que PSA renovará a actividade nas súas plantas "cando se poidan vender coches", un escenario que aínda non se albisca nun futuro próximo, en plena crise sanitaria polo coronavirus e con medidas de confinamento en gran parte de Europa.   

A dirección da fábrica viguesa, con todo, trasladou nos últimos días que está "preparada" para esa volta ao traballo e, de feito, presentou o seu protocolo de hixiene e saúde pensado para o retorno dos operarios á planta.

Nas últimas reunións con sindicatos puxéronse sobre a mesa varias posibles datas para volver ao traballo. Así, valorouse a posibilidade de reactivar a planta o 20 de abril, ou o 27 deste mes, aínda que agora o peche prolóngase sine die debido ao afundimento do mercado e ás dificultades para garantir subministracións.   

Ademais das medidas de seguridade para evitar contaxios na fábrica, a dirección da factoría chegou a un acordo cos sindicatos SIT (maioritario no comité) e UXT para aplicar un ERTE, que entraría en vigor cando acabe o estado de alarma e se retome a produción.