CRTVG

Buscar

PSA Vigo comeza a produción en serie do Peugeot 2008

Publicado o 02/10/2019 14:48

De cor laranxa fusión é o primeiro coche do modelo Peugeot 2008 que lanza PSA Vigo ao mercado tras as probas de calidade. O director da planta de Balaídos di que a produción deste novo todo camiño marcará un novo fito na planta viguesa.

"Estamos demostrando que o saber único que temos, recoñecido no noso Grupo, faise realidade nese coche. Feito en Vigo en Vigo é un selo de calidade e de eficiencia indiscutible", afirmou Ignacio Bueno.

Alberto Núñez Feijóo descatou que PSA está a cumprir todos os compromisos que lle anunciara o presidente do grupo en París hai dous anos e dixo que a Xunta seguirá apoiando a fábrica.

"A Xunta vai estar con PSA para que dende Vigo se lancen os modelos do coche eléctrico, e iso vai a aparecer nos orzamentos do 2020, porque ese é o compromiso que adquirimos en París", afirmou Feijóo.

Na planta Balaídos hai 2.500 empregos vencellados a este modelo.

Construído sobre a nova plataforma modular multienerxía o vehículo disporá dunha versión cen por cento eléctrica que tamén se producirá na planta de Vigo a partir do próximo ano. En equipamentos e axudas á condución, o novo Peugeot 2008 ofrece a última tecnoloxía desde a freada automática, a alerta de cambio involuntario de carril ou o detector de fatiga.

A produción en serie xa comezou no sistema 1 e irá aumentando cun segundo equipo de 600 persoas en novembro. Está previsto que a principios do ano que vén se incorpore un terceiro equipo de traballadores polo que a planta recuperará as tres quendas e acadará a súa máxima cadencia con 2.300 vehículos diarios deste modelo, un total de 250.000 ao ano.

Noticias web

02/10/2019