CRTVG

Buscar

PSA e Fiat Chrysler pechan o acordo definitivo de fusión e crean a cuarta empresa automobilística mundial

Publicado o 18/12/2019 11:02
PSA e Fiat Chrysler pechan o acordo definitivo de fusión e crean a cuarta empresa automobilística mundial

O grupo automobilístico italoestadounidense Fiat Chrysler (FCA) e o fabricante francés PSA, Peugeot-Citroën, aprobaron o seu acordo de fusión, segundo informou FCA nun comunicado.

O novo grupo consolídase así como o cuarto coloso do motor do mundo, con sinerxías estimadas en 3.700 millóns de euros.

Segundo o comunicado, a nova compañía será a terceira do sector por ingresos e terá unhas vendas de 8,7 millóns de unidades (o 9,5 % do total global).

Segundo o acordo, os accionistas compartirán o capital ao 50 % e non se pecharán factorías no mundo.

Pero aínda que FCA e PSA (propietaria de marcas como Peugeot ou Citroën) nomearán cada un cinco membros ao consello de administración, a presenza de Carlos Tavares, conselleiro delegado de PSA, que será o CEO no novo grupo, desnivelará a balanza, mentres John Elkann, actual presidente de Fiat Chrysler, será o presidente.

Os accionistas de PSA recibirán 1.742 títulos da nova entidade por cada un dos que teñen actualmente no grupo francés, mentres que os de FCA recibirán un.

A razón é que a cotización das accións dunha e outra empresa é diferente actualmente (22,11 euros antes da apertura da bolsa este mércores para PSA e 13,55 para FCA).

A nova empresa terá ingresos por 170.000 millóns de euros anuais e un resultado operativo ao redor dos 11.000 millóns (unha marxe do 6,6 %).

Coa fusión haberá movementos nas participacións dos tres accionistas de referencia de PSA, que son o Estado francés (a través de BPIFrance), a familia Peugeot e o chinés Dongfeng.

Os tres teñen actualmente unha participación equivalente, pero Dongfeng cederá 30,7 millóns de títulos PSA e na nova entidade quedará co 4,5 %. BPIFrance e a familia Peugeot terán un 6 % cada unha.

PSA xa coqueteara con Fiat no principio do ano, pero o grupo italiano -controlado pola familia Agnelli e presidido por John Elkann- rexeitou a proposta para probar sorte con Renault, unha iniciativa que se frustrou pola falta de apoio do Goberno francés e de Nissan.

Por volume de negocio, FCA rexistrou en 2018 unha facturación duns 110.000 millóns de euros e PSA duns 74.000 millóns de euros.

O grupo francés conta cunha capitalización na Bolsa de París de máis de 22.000 millóns de euros, mentres que FCA cotiza en Milán cunha capitalización duns 18.000 millóns e en Estados Unidos cuns 22.300 millóns de dólares (uns 20.072 millóns de euros, ao cambio actual).

Coa fusión, Peugeot consegue un oco no mercado estadounidense, mentres Fiat Chrysler avanzará en tecnoloxías de baixas emisións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí