CRTVG

Buscar

Proxecto Nupple: unha nova técnica para reconstruír a aréola e a mamila tras un cancro de mama

Publicado o 19/10/2020 22:08

Cando unha muller supera o cancro de mama pasa a outra fase que os médicos consideran cada vez máis importante. A da reconstrución mamaria, fundamental física e psicoloxicamente para recuperar a calidade de vida tras a enfermidade. As técnicas avanzaron moito, e son cada vez menos invasivas. As máis novidosas céntranse agora en reconstruír a aréola e a mamila.

"Hai veces que se poden conservar a aréola e o pezón, pero nalgúns casos, cando o tumor está moi cerca ou dependendo da anatomía da mama non podemos conservalo, e neses casos é cando temos que reconstruílo posteriormente", di Cristina Varela, cirurxiá da Unidade de Mama do Hospital HM Rosaleda.

Con este obxectivo naceu o proxecto Nupple, unha técnica pioneira en Galicia, para reconstruír a aréola e a mamila a través dun implante personalizado para cada paciente.

"Temos que colocalo por debaixo da pel para conseguir a fisionomía da mamila, que vai ser para toda a vida. Despois de dous ou tres meses tatúase a aréola e o pezón para darlle unha imaxe similar ao outro peito", explica a doutora Varela.

De momento fixéronse en Galicia unha vintena de intervencións con esta técnica. Os resultados están sendo satisfactorios.

Noticias web

19/10/2020