CRTVG

Buscar

Protexerse do sol, tamén cando non o vemos, para evitar a incidencia do cancro de pel

Publicado o 23/06/2019 18:04

Aínda que esta semana o sol non vai quentar así en Galicia, non debemos descoidar protexernos del. Os dermatólogos opinan que é algo do que aínda non estamos suficientemente concienciados e falan con datos na man, porque así o demostra a incidencia de cancro de pel.

Non se deixa ver moito, pero aí o está. Agardamos por el para dar por comezado o verán e aproveitamos cada raiola sen pensar nos efectos negativos que ten sobre o noso corpo esa radiación ultravioleta que nesta época acada niveis altos.

"O que temos que ter é moito coidado de tomar o sol en determinados días e determinados momentos. Sabemos que o sol non podemos tomalo ao mediodía. Dentro desa fotoprotección, non só están as cremas, está o horario. Cando non facemos sombra non debemos tomar o sol porque é por dous motivos: ou ben porque temos o sol enriba ou porque está moi anubrado. E son eses días que nos queimamos sen decatarnos", advirte Hugo Vázquez, xefe do Servizo de Dermatoloxía do CHUS.

Días como o de hoxe, nos que seguimos expostos aínda que non vaiamos á praia. Igual que o están todo o ano aqueles que traballan ao aire libre. O fotoprotector, os sombreiros e a roupa liviá pero que nos cubra case toda a pel deben ser de uso habitual.

"O fotoprotector intenso hai que aplicalo evidentemente os días de praia a xente que non traballamos ao aire libre, pero a xente que traballa exposta ao sol como son a xente do campo e a xente do mar debe utilizar fotoprotector sempre que saia a traballar dalgunha maneira. E fotoprotectores adaptados á súa pel: se temos unha pel graxa debe empregar un fotoprotector de protección moi alta nestes casos porque a radiación que están recibindo é a todas horas do día desde arriba e reflectida desde o mar", insiste Hugo Vázquez, xefe do Servizo de Dermatoloxía do CHUS.

O cancro de pel vai en aumento, e para atallalo é fundamental o diagnóstico precoz. Por iso, ante calquera alteración que apareza sobre a nosa pel debemos consultala.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/06/2019