CRTVG

Buscar

Protestan por non asfaltar un tramo de rúa en Lugo

Publicado o 21/09/2020 14:20

Uns 150 metros de vía pública que faltan por asfaltar son o motivo da indignación de varios veciños do barrio do Rego do Espiño, en Lugo. Os afectados quéixanse de que quedou sen pavimentar este treito, cando alegan que mesmo cederon un metro e medio das súas propiedades para ensanchar a rúa.

"O Concello de Lugo fixo un proxecto para asfaltar de novo esta pista, que no seu día se asfaltara enteira grazas a que todos os veciños, agás os da entrada, demos un metro e medio do noso terreo. Creo que agora todos deberiamos ter os mesmos dereitos, pero parece ser que non é así. Chegan ata este punto e paran. Este punto é a entrada desta urbanización, polo que é un proxecto de obra menor feito á medida para eles".

Nós pagamos os impostos, coma calquera outra persoa, e cedemos un terreo, dun metro e medio, todo ao longo das parcelas", sinalan os veciños.

Tal foi a indignación dos afectados, que unha das veciñas decidiu deixar o seu coche no medio da vía pública en sinal de protesta. Segundo relata, foi ela mesma quen avisou a Policía Local, que ordenou a retirada do vehículo por parte do guindastre municipal.

"Ninguén se puxo en contacto comigo, e recorrín á Valedora do Pobo en Santiago de Compostela, que si me admitiu a queixa, porque teño toda a razón do mundo, e deulle ao Concello de Lugo un prazo de quince días. Ese prazo remata o martes, polo que o venres se puxeron mans á obra. Entón eu baixei e atravesei o meu coche, con todas as consecuencias, perfectamente consciente do que facía. Avisei a Policía Local de que quedaba aí, díxenlles os motivos polos que quedaba aí e que ía ao meu traballo gañar cartos para manter estes desvergonzados. Veu o guindastre municipal e levoumo. E éme indiferente. Paguei o enchanche orgullosa".

"Presentamos todos os escritos que teriamos que presentar, atrancamos aí un coche e avisouse a Policía Local de que o iamos facer. Incluso viñeron e retiráronnos o coche porque estaba obstaculizando unha vía pública".

Pola súa parte, dende o Concello de Lugo sinalan que quedan sen asfaltar 150 metros de rúa por criterios técnicos.

Noticias web

21/09/2020