CRTVG

Buscar

Protección Civil de Lugo cede a súa carpas ao 061 para a limpeza e desinfección do seu persoal

Publicado o 03/04/2020 21:00


O Concello de Lugo cedeulle á Consellería de Sanidade a carpa da agrupación local de Protección Civil. A instalación encóntrase no aparcadoiro do hospital Lucus Augusti, nas inmediacións do servizo de Urxencias. Desta forma, poderá ser utilizada para a limpeza e desinfección do persoal das ambulancias do 061.

Enrique Fernández Fraga, coordinador de Protección Civil de Lugo: "Necesitaban unha dependencia para poder facer o intercambio no hospital sen ter que entrar no servizo de urxencias e poder contaminalo, dado que levan equipamento persoal de protección. Nesta instalación descontamínase o persoal e os equipos que leven."

A iniciativa responde á necesidade de unificar esforzos entre todas as administracións para lles dar cobertura ás principais prestacións sociosanitarias. Deste xeito, a carpa axudará a atender á seguridade e á protección da poboación.

Enrique Fernández Fraga, coordinador de Protección Civil de Lugo:"É para posto de mando avanzado e pódese montar en calquera lugar para atender calquera emerxencia. Neste caso, o servizo do 061 solicitóunolo para utilizar no exterior da zona de urxencias do HULA para a descontaminación do persoal que transporta os posibles afectados pola COVID-19."

Protección Civil de Lugo tamén colabora na limpeza da carpa, que se pode desinfectar tanto cun pulverizador como cun xerador de ozono.
 

Noticias web

03/04/2020