CRTVG

Buscar

Prisión para dous cidadáns albaneses por asaltar once vivendas en Galicia

Publicado o 05/12/2019 11:55
Prisión para dous cidadáns albaneses por asaltar once vivendas en Galicia

A Sección 6ª da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou este xoves a dous albaneses por asaltar once vivendas en Pontevedra e Ourense entre os días 26 e 30 de novembro de 2018 xunto a outras tres persoas que se atopan en paradoiro descoñecido.

En base a este acordo, os agora condenados abonaron unha parte da indemnización, tras o que uno deles foi condenado a catro anos de prisión por un delito continuado de roubo con forza en casa habitada e o outro -con antecedentes por feitos similares en Barcelona- a seis anos de prisión polo mesmo delito e outro de falsidade documental.

A ambos, en prisión provisional desde o 4 de decembro de 2018, expulsaráselles do país durante dez anos: ao primeiro de forma inmediata, tendo en conta que xa estivo un ano no cárcere, e ao segundo o próximo mes de abril de 2020, cando xa permanecese en prisión un total dun ano e catro meses.

Os agora condenados abonaron 7.000 euros, unha parte da indemnización polos obxectos subtraídos -fundamentalmente xoias- e os danos causados nas vivendas. O importe total que lles require a Fiscalía é de 80.569,57 euros.

Cada un dos acusados abonou a metade desta cantidade: un fíxoo a través dunha transferencia, mentres que o irmán do outro condenado abonou o seu parte en efectivo nos propios xulgados.

A vista do caso, que inicialmente estaba prevista para os días 3 e 4 de outubro, foi suspendida pola ausencia dun intérprete e posposta ata este mércores, día no que foi aprazada de novo en espera de que se realizase este pago.

O abono do resto da indemnización está supeditado a que os dous condenados teñan bens en España.

Dado que ambos entraron en prisión provisional o 4 de decembro de 2018, o primeiro será entregado á Brigada de Estranxeiría en canto se acepte o acordo; o segundo, pola súa banda, permanecerá no Centro Penal de Teixeiro, catro meses máis, ata o próximo mes de abril.

Os asaltos que se lles imputan tiveron lugar no municipio ourensán de Barbadás e nos pontevedreses de Mondariz-Balneario, Cambados, O Porriño, Ponteareas e Moaña, así como na capital provincial.

Todos os feitos se produciron nun lapso de cinco días e sempre entre as 19.00 e as 20.00 horas, chegando a levar a cabo ata tres asaltos en menos dunha hora.

Aínda que en dez dos asaltos lograron acceder ás vivendas e subtraer obxectos de valor, a súa tentativa viuse frustrada nunha ocasión en Barbadás, onde a aparición inesperada da súa propietaria levoulles a escapar.

Os dous acusados, que segundo a defensa entraran no país o 20 de novembro de 2018, foron interceptados o 1 de decembro, poucos días despois da vaga de asaltos, mentres conducían pola A-52; un dos acusados identificouse ante os axentes da Garda Civil cun permiso de conducir falso da República Checa.

Ese permiso de conducir, fabricado de maneira ilexítima, fora elaborado nun soporte de plástico, sobre o que se realizou o deseño mediante sistemas de impresión térmica e de sublimación, simulando a reacción baixo luz ultravioleta con tintas fluorescentes.

No rexistro do vehículo, os axentes localizaron unha garrafa de aceite na que escondían 1.636 gramos de xoias; acto seguido, o Xulgado de Instrución número dous de Verín decretou o seu ingreso en prisión provisional, que sería ratificada posteriormente polo Xulgado de Instrución número uno de Santiago.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí