CRTVG

Buscar

Prisión comunicada e sen fianza para o acusado de matar a Clara María Expósito

Publicado o 11/02/2020 21:32

Francisco Javier Belda, o home de 47 anos detido o sábado pola tarde como investigado polo homicidio de Clara María Expósito, a muller coa que mantiña unha relación sentimental desde o pasado verán, ingresará en prisión provisional, comunicada e sen fianza.

É a situación procesal na que quedou, tal e como informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tras pasar este martes a disposición do Xulgado de Instrución Número 3 da capital lucense, especializado en casos de violencia machista. Na comparecencia, este home acolleuse ao seu dereito a non prestar declaración.

A petición do ministerio fiscal, que sostén que hai probas na súa contra, o titular dese xulgado, Sergio Orduña, decretou o seu ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, pola suposta comisión dun delito de homicidio no ámbito da violencia de xénero.

Fontes xurídicas sinalaron a EFE que o detido fixo acto de presenza na sede xudicial pouco despois das 11:30 horas, nun coche camuflado, pero pese a iso aínda tardou case un par de horas en comparecer ante o titular do Xulgado de Instrución Número 3 de Lugo, a quen lle comunicou a súa intención de acollerse ao seu dereito a non declarar.

O paso a disposición xudicial produciuse despois de que este martes pola mañá se lle tomara declaración na comisaría investigado polos delitos de homicidio, violencia de xénero e doméstica, tralas dilixencias practicadas. A Policía Nacional, entre outras dilixencias para esclarecer a autoría da morte da veciña de Lugo Clara María Expósito, de 49 anos, supostamente a mans da súa parella, analizou "diversos obxectos" achados no lugar dos feitos e nas súas proximidades, co fin de verificar se entre eles estaba a arma empregada, comentaron fontes da investigación consultadas.

En concreto, a Policía Científica realizou análises para determinar se entre eses obxectos están os que "puideron causar a morte" desta veciña de Lugo. A vítima foi atopada morta este venres á noite no piso en que residía soa na cidade de Lugo. O cadáver apareceu cunhas feridas de arma branca no pescozo. Foi a nai da falecida a que acudiu arredor das 22:00 horas do venres á vivenda, situada na Rúa da Ferradura, para levarlle comida.

Tralo achado, avisou aos servizos de urxencias e aos corpos de seguridade. Posteriormente, a parella da vítima foi detida o sábado pola tarde en Lugo polos delitos de homicidio, violencia de xénero e violencia doméstica. A morte de Clara María Expósito constitúe o segundo caso confirmado de violencia machista en Galicia no que vai de ano.