CRTVG

Buscar

Primeiro día de peche para os 115.000 veciños de Ourense e Barbadás

Publicado o 08/10/2020 13:38

Primeiro día sen poder saír da cidade, agás causa xustificada, para os 105.000 habitantes de Ourense e os 10.000 de Barbadás. Nos bares e cafeterías só poden atender nas terrazas. Nos restaurantes a grupos de cinco persoas como moito e sempre que convivan xuntas.

O pequeno comercio tamén abre hoxe coas novas limitacións que impiden entrar na cidade a boa parte dos seus clientes. 

Beatriz Gómez, presidenta da Federación de Comercio de Ourensek, coméntanos que Ourense vive moito do consumidor dos arredores. "Temos unha preocupación moi grande por esta situación, porque ademais non hai unha data final", laméntase.

Pide apoio para o comercio de proximidade, un sector que leva tempo en crise, agora agravada polas medidas restritivas que afectan á restauración, ás florerías, pastelerías... O pequeno comercio "xera moito emprego e dá vida", sinala Beatriz Gómez. "Temos que ser conscientes de que nestes momentos necesita o apoio da cidadanía".

Os sanitarios lembran que a maior parte dos contaxios son en reunións con parentes e amigos e piden que a xente cumpra as limitacións establecidas. 

Xosé Luís Muíños, xefe de servizo do centro de saúde de Mariñamansa espera que estas medidas, sobre todo as de diminuír o número de relacións que mantemos e as medidas de protección, sirvan para baixar número de contaxios. 

A área sanitaria de Ourense é a que ten máis infectados de toda Galicia desde hai unha semana. Os casos positivos aumentan cada día. Supéranse xa os 1.100, dos que ao redor da metade son residentes na capital.

Noticias web

08/10/2020