CRTVG

Buscar

Ringleiras no primeiro día para solicitar o Ingreso Mínimo Vital

Publicado o 16/06/2020 12:02

Uns 39.500 fogares galegos beneficiaranse do ingreso mínimo vital, que garante entre 5.500 e 12.000 euros ao ano para persoas de entre 23 e 65 anos que estean en situación de vulnerabilidade económica.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, fixo esta estimación durante a visita que realizou á sede do Instituto Nacional da Seguridade Social na Coruña, onde tramitan as solicitudes desta prestación, que se poden realizar desde este luns a través do portal de internet deste organismo.

Na actualidade, detallou o delegado, asínanse convenios para que se poida tramitar nos concellos e está previsto que a Seguridade Social tamén permita a tramitación presencial cando reabran as súas oficinas.

Arredor de 4.000 destas prestacións en Galicia xa están a ser tramitadas de oficio pola Seguridade Social, correspondentes a casos de familias monoparentais ou con fillos a cargo sen ingresos.

Existen ademais outros 3.000 pendentes de completar documentación, polo que esta actuación de oficio podería alcanzar os 7.000 fogares, que xa percibirán a prestación este mes.

Este ingreso vai acompañado por un itinerario de inserción laboral.