CRTVG

Buscar

Preto de 2.000 gandeiros acoden á vía xudicial para ser indemnizados polo cártel do leite

Publicado o 12/06/2020 19:54

Preto de 2.000 gandeiros, tanto xubilados como en activo, presentaron xa demandas para reclamar os cartos que as industrias leiteiras deixaron de pagarlles entre os anos 2000 e 2013. Estímase que perderon ata tres céntimos por litro, polo que as indeminzacións poden ser moi elevadas. Fálase dun total de 440 millóns de euros. En todo caso, o proceso xudicial vai ser longo.

Julio é un dos gandeiros que tiveron que pechar a explotación porque os ingresos non cubrían os custos. Agora presentou denuncia contra a industria leiteira para reclamar cada un dos tres céntimos por litro que deixaron de ingresarlle durante nove anos. Calcula que pode obter uns 50.000 euros que, lamenta, servirían daquela para manter a granxa aberta.

"Daquela eu quería aumentar a explotación para obter máis beneficio, pero non me pagaron o que correspondía e agora penso que con eses 50.000 euros podería seguir hoxe coa granxa"

A Comisión da Competencia multou con 90 millóns de euros a oito industrias por pactar prezos á baixa e repartir o mercado do leite en orixe entre os anos 2000 e 2013. Diferentes bufetes de avogados animan agora os gandeiros a presentar denuncia para recuperar todos eses cartos que non lles ingresaron e que poderían sumar en total 440 millóns de euros.

"Nós xa viamos que algo raro estaba a pasar. E así foi, as industrias estaban de acordo para prexudicar os gandeiros."

As demandas pódenas presentar gandeiros que estiveran en activo naquel período, pero deben facelo antes do vindeiro 11 de xullo para evitar a prescrición da presunta fraude.

Noticias web

12/06/2020