CRTVG

Buscar

Preocupación pola presenza de cabalos ceibos na estrada que une As Pontes e Ortigueira

Publicado o 10/10/2019 16:22

É unha imaxe habitual na contorna da estrada AC-101, que une As Pontes e Ortigueira. Cabalos que campan libremente polos montes da zona, e que en ocasións atravesan o vial.

Roberto Méndez, presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil das Pontes, explica que iso en ocasións produce accidentes.

O último susto con este tipo de cabalos tivo lugar na mañá do mércores, á altura do quilómetro 14 desta estrada, onde un condutor se atopou de fronte con 7 cabalos que estaban na calzada.

"Moitas veces saes dunha curva e atópaste con eles, sen marxe de reacción", explica Roberto Méndez.

Trátase de animais que non portan ningún tipo de marca ou identificación.

O responsable de Protección Civil asegura que os animais teñen propietario, pero que están sen identificar. E insta aos donos a marcar os seus animais para que en caso de accidente exista un responsable.

Dende o Concello das Pontes din, pola contra, que se trata de animais salvaxes, sen propietario, e aseguran que están acelerando o proceso para actuar e sacar os cabalos da zona de risco.

Noticias web

10/10/2019