CRTVG

Buscar

Preocupación entre os pediatras porque a gripe e os catarros compliquen a atención a casos de covid-19

Publicado o 27/09/2020 15:19

Coa volta ás aulas, a chegada do frío, das gripes e catarros poden dificultar aínda máis a vixilancia da saúde dos máis pequenos e a atención sanitaria pola covid-19. Os pediatras insístenlles aos pais en que todos os nenos con síntomas, como febre e tose, deben de permanecer na casa, intentando non saturar os servizos de pediatría con cadros leves.

"Nos nenos non é unha enfermidade que supoña un problema clínico a nivel global, si detectamos que se están facer a consulta por cadros moi leves e iso está saturando e tensionando as consultas de pediatría", di Lorenzo Redondo Collazo, pediatra.

Tamén insisten en que a covid-19 non variou o calendario de vacinación infantil.
"Insistimos na importancia en que os nenos cumpran co calendario de vacinación infantil. Poden vacinarse da gripe a partir dos seis meses. Se é a primeira vez nos primeiros anos teñen que recibir dúas doses e vacinarse se teñen algunha patoloxía ou conviven con persoas maiores ou con persoas de risco".

Os especialistas aseguran que os cativos non teñen unha incidencia maior de infección por coronavirus que o resto da poboación. Cren que o colexio non supón nestes momentos un risco e consideran que lles corresponde ás autoridades de saúde pública a decisión de facer probas rápidas masivas nos círculos dos máis pequenos.

Noticias web

27/09/2020