CRTVG

Buscar

Preocupación entre os bateeiros polos desprendementos do mexillón

Publicado o 07/08/2020 16:01

O mexillón quere augas frías e algo movidas para coller forza, e este ano non houbo moito diso. O primeiro semestre foi especialmente cálido, e agora empezan a detectarse as consecuencias nas bateas.

A temperatura da auga é un factor crucial para a fortalecer o mexillón, pero non o único. Este ano tamén faltou a cría de roca, que é máis rústica e resiste mellor, e tampouco entrou moito alimento nas rías.

O mexillón debilitado e sen forza para agarrarse ben, despréndese ao levantar as cordas para recollelo. Os produtores xa levan uns anos pelexando con desprendementos puntuais, pero esta campaña o problema afecta practicamente a todas as bateas galegas.

E unha vez que detectan esta falta de agarre, o único que poden facer é recollelos antes de que se solten. Algúns non van poder esperar a que engorden máis, así que tamén por aí van perder cartos.

O que máis temen é que entren ventos fortes que aumenten os desprendementos así que, agora que comezou o groso da campaña das conserveiras, apuran a recollida nas bateas.

Noticias web

07/08/2020