CRTVG

Buscar

Prenden lume á comisaría de Policía noutra noite de protestas en Minneapolis

Publicado o 29/05/2020 08:10
Prenden lume á comisaría de Policía noutra noite de protestas en Minneapolis

Miles de persoas participaron este xoves na terceira noite consecutiva de protestas en Minneapolis (EUA) pola morte a mans da Policía do afroamericano George Floyd. As mobilizacións derivaron na queima dunha comisaría de Policía, disturbios e saqueos.

Durante a xornada, as protestas estendéronse non só por Minneapolis senón tamén pola veciña Saint Paul, por ambas as cidades coñecidas como Twin Cities.

As protestas aumentaron despois de que o fiscal do condado de Hennepin -con xurisdición sobre  Minneapolis-, Mike Freeman, comparecese este xoves para anunciar que non ten intención, de momento, de imputar cargos nin de deter o axente responsable da morte de Floyd, Derek  Chauvin. "Hai outras probas que non apoian un cargo penal. Necesitamos sopesar todas esas probas para chegar a unha decisión coherente, e estámolo facendo o mellor que podemos", dixo Freeman aos medios.

De pouco serviu para acougar os ánimos que o comandante da Policía de Mineapolis, Medaria  Arradondo, que xa despediu a Chauvin e outros tres axentes implicados, pedise perdón á familia de Floyd.

Pola súa banda, o gobernador de Minnesota, o demócrata Tim Walz, activou a Garda Nacional -un corpo reservista militar-, que despregou medio centenar de soldados pola cidade. É a primeira vez en 34 anos que Minnesota activa á Garda Nacional por protestas.

Coa caída do día, os saqueos e incendios proliferaron pola cidade mentres miles de manifestantes se agruparon ao redor da comisaría de Policía do Terceiro Precinto de Minneapolis, convertida nun símbolo da protesta pola morte de Floyd, de acordo con reportes do xornal local Star Tribune.

Nun momento dado, os manifestantes lograron prender lume aso edificio policial, que ardeu ante o festexo de moitos, que mesmo lanzaron fogos artificiais.

Nunha mensaxe en Twitter, a Alcaldía de Minneapolis pediu aos manifestantes que se retirasen da zona por se explotaba o edificio, en cuxo interior habería material explosivo.

A Garda Nacional, pola súa banda, anunciou nunha serie de chíos estar lista para actuar. "Activamos máis de 500 soldados en Saint Paul, Minneapolis e as comunidades próximas. A nosa misión é protexer a vida, preservar a propiedade e o dereito á manifestación pacífica", dixo o corpo.

Floyd, de 40 anos, faleceu o luns pola noite despois de ser detido baixo sospeita de tentar usar un billete falso de 20 dólares nun supermercado. En vídeos gravados por transeúntes aparece  Chauvin co xeonllo sobre o seu pescozo durante minutos. "Por favor, por favor, por favor, non podo respirar. Por favor", escóitase a Floyd, mentres o home agoniza.

O "non podo respirar" de Floyd converteuse, precisamente, no berro da protesta que volve poñer en evidencia a violencia policial contra os afroamericanos nos Estados Unidos.