CRTVG

Buscar

Predominio de tempo seco e sol esta semana

Publicado o 09/03/2020 13:57

O aperitivo anticiclónico que vivimos na fin de semana afiánzase, aínda que con algunha restrición.
A última semana completa deste inverno vén con tempo seco na maior parte do territorio e con suba de temperuturas, segundo os prognósticos de MeteoGalicia.

Carlos Otero Casal, de MeteoGalicia, explica que  estamos ante "un anticiclón que permitirá certa estabilidade en xeral en Galicia, pero que vén acompañado de refachos de vento do SW, que poden arrastrar algo de nubes e mesmo humidade, sobre todo na fachada atlántica. A maior parte de Galicia estará con estabilidade e ceos con poucas nubes, con este matiz da fachada atlántica onde mañá pode haber un aumento da nebulosidade importante".

Di Otero que o vento trae unha masa cálida de aire e isto dáralle a volta ao panorama térmico que tivemos a semana pasada en que houbo temperaturas baixas para a época do ano. Iso non quita que os rexistros nocturnos no interior deixen valores de inverno: "Xa dende hoxe as temperaturas van estar por riba do habitual. Destaca a xornada do mércores, en que os termómetros mesmo poderían andar nos vinte graos en moitos puntos da comunidade".

Engade o meteorólogo que a situación se manterá ata o venres, cun anticiclón que non ten entidade como para protexernos completamente da aproximación dalgún foco de inestabilidade.
Haberá que agardar o paso dos días para determinar se a fin de semana tamén virá estable.

Noticias web

09/03/2020

Máis sobre actualidade