CRTVG

Buscar

Precaución e calma na comunidade galega residente en Italia

Publicado o 24/02/2020 14:41

Precaución e tranquilidade era o que transmitían os pasaxeiros do voo procedente de Roma que chegaba á Lavacolla contra as dez e media desta mañá. Unha viaxeira explicaba que lles tomaron a temperatura e que algunhas persoas levaban máscara protectora. Outra parella, que chegaba co seu bebé, admitía a súa preocupación por ter que desprazarse ao aeroporto co neno, pero tamén contaba que en Roma, de onde viñan, non hai medidas excepcionais como as que si hai no norte do país.

Na capital da Toscana as cousas tamén parecen tranquilas, á vista das imaxes da zona máis turística de Florencia tomadas esta mañá por César Zuazua. El é un dos apenas 1.500 galegos residentes en Italia e, tras catro anos traballando alí, explica que a vida diaria na cidade continúa coma sempre, agás pola falta de turismo asiático, polo que augura perdas económicas. Quéixase, iso si, da falsidade de moitas informacións. Insiste en que non hai desabastecemento de ningún tipo e que a vida social segue a ser a mesma, e láiase de que se difundan informacións erróneas ou contraditorias.

A 20 quilómetros de Florencia, en Prato, é onde si acusan, segundo explica César, a crise do coronavirus. Alí está a comunidade chinesa máis grande de Italia, con 40.000 residentes do país asiático, que teñen restrinxido totalmente o movemento para entrar ou saír do país.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/02/2020