CRTVG

Buscar

Prohibidas na cidade de Ourense as reunións de persoas que non convivan baixo o mesmo teito

Publicado o 03/10/2020 10:34

• Cambados e Ortigueira súmanse aos concellos con restricións

• Comeza o cribado ao persoal sanitario en Ourense

• O DOG publica as medidas que entraron en vigor

 

Endurécense aínda máis as medidas sanitarias en Ourense. Desde esta medianoite quedaron prohibidas as reunións de persoas que non convivan baixo o mesmo teito. Non poden xuntarse nin en espazos privados nin en espazos públicos, como as terrazas.

O comité clínico toma esta decisión porque non se conseguen baixar os contaxios. A taxa de incidencia en 7 días triplica as cifras que se dan no resto de Galicia.

As de Ourense son as limitacións máis estritas das aplicadas en Galicia, pero tamén se adoptan novas medidas excepcionais -nivel 2- noutros dous concellos.

Este sábado entraron en vigor as novas restricións en Cambados e Ortigueira. Entre as limitacións, está a redución da ocupación ao 50 por cento en establecementos. Na hostalería, ademais, queda prohibido o consumo en barra. 

As reunións tanto públicas coma privadas serán como máximo de 10 persoas. Son, en total, 15 os concellos en Galicia con algún tipo de restrición. Entre eles Lugo, onde preocupa unha eventual repunta de casos nas reuinóns familiares ao abeiro do San Froilán, que arranca esta fin de semana.

Con todo, como lles dicimos, a situación que máis preocupa está en Ourense. Se coas novas medidas que entraron en vigor esta noite non conseguen baixar os contaxios, xa advirten de que tomarán medidas máis duras.


 



 

 

Noticias web

03/10/2020