CRTVG

Buscar

PP, C's e Vox convocan unha manifestación contra o Goberno pola proposta dun relator en Cataluña

Publicado o 07/02/2019 08:40

Primeiro foi Ciudadanos, despois o PP e finalmente tamén o fixo Vox. Os tres partidos da dereita española anunciaron para o domingo unha manifestación en Madrid. Fano tras a polémica suscitada pola decisión do Goberno central de aceptar un relator no diálogo cos independentistas cataláns. Un feito que o líder dos populares non dubidou en cualificar como felonía e alta traizón por parte do presidente do Goberno.  

Mediocre, incompetente, mentiroso compulsivo ou okupa da Moncloa foron algúns dos cualificativos que onte lle dirixiu Pablo Casado ao presidente do Goberno.

Pablo Casado, presidente do PP: "É tan grave que non descartamos nada, porque estamos, insisto, ante unha actuación de felonía, de alta traizón a España. Isto non se ve desde o 23-F".

Tras escoitar a vicepresidenta explicando a figura dun relator na mesa de diálogo con Cataluña, Casado sumouse á proposta de Ciudadanos, para convocar para este domingo unha manifestación en Colón, "para botar a Sánchez", segundo as propias palabras de Albert Rivera, que tamén falou de "crear unha fronte".

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Hai que crear unha fronte cívica contra Sánchez, hai que sumar Ciudadanos, máis alá de siglas políticas, máis alá de ideoloxías, para dicirlle a Sánchez que non estamos dispostos a vender o noso país".

E o líder de Vox sumábase despois por Twitter á convocatoria, mentres desde a esquerda criticaban o dispendio verbal dos líderes da dereita. Desde Podemos aplaudiron o intento de diálogo con Cataluña.

Ione belarra, Podemos: "Eu creo que non é unha mala noticia que se poñan enriba da mesa distintas solucións posibles. Paréceme que esa podería ser unha, non é a única. Pero o importante é que as dúas partes están polo labor de achegar posturas".

A vicepresidenta, o vicepresidente catalán, Pere Aragonés, e a conselleira Elsa Artadi tiveron onte á tarde por videoconferencia unha reunión de hora e media para delimitar a metololoxía da mesa de diálogo.

Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno: "Un relator, alguén que axude e que estea alí. Non ten máis. Non é un observador internacional, non é ninguén que veña mediar nunha situaciónen que non sexan quen os partidos políticos".

Calvo tamén respondeu ao desconcerto expresado por algúns líderes territoriais do seu partido e dixo que semellan estar desinformados sobre o significado desa figura.

 

Noticias web

07/02/2019