CRTVG

Buscar

Portugal limita a mobilidade en todo o país polo 1 de novembro

Publicado o 22/10/2020 17:28

O Goberno luso prohibiu a circulación entre municipios durante a fin de semana do 1 de novembro, para evitar que "a dor do loito" das familias acabe co distanciamento social, e marcou o próximo día 2 como xornada de loito nacional polas mortes causadas por coronavirus.

As medidas foron aprobadas este xoves en Consello de Ministros e anunciadas nun día en que Portugal bate outro récord de contaxios: 3.270 novos casos e 16 mortos, que elevan o total de positivos a 109.541 desde o inicio da pandemia que deixou 2.245 vítimas mortais no país.

Ante estas cifras, o Goberno de António Costa aperta as regras durante unha fin de semana considerada sensible pola conmemoración de Todos os Santos: "É un período de loito onde é difícil cumprir as regras", explicou en conferencia de prensa a ministra de Presidencia, Mariana Vieira da Silva, quen apuntou que se busca evitar reunións en cemiterios, onde "a dor do loito" e as "emocións fortes" complican manter a distancia, mesmo entre familiares.

Por iso estará prohibido circular entre municipios de Portugal continental desde as 00.00 horas do día 30 de outubro ata as 23.59 horas do día 3 de novembro, un martes.

Xunto con esta limitación, o gabinete de António Costa aprobou declarar o día 2 como xornada de loito nacional polas máis de 2.200 mortes causadas por coronavirus desde que comezou a pandemia.

Así mesmo, decretáronse restricións específicas que asemellan ao confinamento para tres municipios nos que os contaxios están a aumentar significativamente, todos no norte do país:  Felgueiras, Lousada e Paços de Ferreira.