CRTVG

Buscar

Portugal estuda enviar doentes de covid ao estranxeiro polo colapso dos hospitais

Publicado o 26/01/2021 20:16

O Goberno de Portugal acaba de anunciar que a próxima semana comezarán a ser vacinadas as persoas maiores de 50 anos que sexan de risco. Hoxe no país veciño cumpríronse os peores prognósticos. A sanidade portuguesa está colapsada de facto. A ministra da Saúde recoñecía na televisión pública a catástrofe e xa contemplan a posibilidade de trasladar os doentes máis graves fóra do país.

Foi no informativo matinal da RTP. A ministra da Saúde, Marta Temido, explicaba que o Goberno xa estuda camiños para trasladar doentes ao estranxeiro. Os hospitais están colapsados, sobre todo na zona de Lisboa e aquí no norte. Por proximidade xeográfica é de supoñer que sexa España a opción, agora hai que agardar con que comunidade chegan a acordos para o traslado dos doentes máis graves.

O estado da rede de hospitais é a consecuencia final duns datos que non teñen igual en Europa e son dos peores do mundo mentres que a poboación segue sen apoiar o confinamento xeral, en boca do propio Goberno.

7 de cada 10 concellos do país están no nivel máximo de contaxios. Nos últimos días sumáronse 60 municipios máis, é unha suba do 40% en comparación coa semana anterior, é dicir o confinamento non funciona e a transmisión comunitaria é tan preocupante que un de cada 3 positivos non sabe que está infectado.

Noticias web

26/01/2021