CRTVG

Buscar

Portugal, con récord de falecidos, declara en estado catastrófico un hospital

Publicado o 25/01/2021 16:32

En Portugal, a terceira vaga está sendo devastadora. Levan sete días seguidos marcando récord de falecidos. Onte os portugueses votaron en urna para escoller presidente. Hoxe os sanitarios que loitan día a día contra a pandemia son críticos coas ringleiras nos colexios electorais.

As votacións leváronse a cabo cun despregamento nunca visto para evitar aglomeracións, pero facérense coa incidencia que ten Portugal actualmente foi fortemente criticado polos sanitarios. O hospital máis grande de Lisboa, o de Santa María, xa está oficialmente en estado catastrófico e non acolle a ninguén máis.

Os nosos veciños levan máis dunha semana nun confinamento xeral que non está sendo apoiado como debería, en boca do propio Goberno. Nos peores días da primeira vaga rexistraban como moito 40 mortos, agora están cada xornada máis preto dos 300. Os expertos non saben dicir cando se chegará ao pico.

Portugal rexistrou na última xornada 252 novos falecementos por covid−19 e a presión dos seus hospitais segue crecendo, cun total de 6.420 persoas ingresadas, 303 máis que onte.

Así, pechou onte a súa peor semana desde que comezou a pandemia, con récord diario de falecidos, ata as 275 mortes rexistradas este domingo. Segundo informou hoxe a Dirección Xeral de Saúde de Portugal, do total de pacientes de covid−19 hospitalizados, 767 atópanse en coidados intensivos, un número que subiu en 25 persoas durante a última xornada.

Con arredor de dez millóns de habitantes, Portugal xa rexistrou desde o inicio da pandemia 643.113 positivos de covid−19, dos que 6.924 foron contabilizados no último día. En total seguen coa enfermidade activa 170.635 persoas, 1.405 máis no último día.

O país atópase "no momento máis grave da pandemia", como dixo o primeiro ministro António Costa, e a situación é tan crítica que, segundo a ministra de Sanidade Marta Temido, están próximos a que haxa que escoller a quen tratar e a quen non.

Desde o pasado venres, Portugal suspendeu as aulas durante 15 días para frear o avance da pandemia, e o 15 de xaneiro decretou o confinamento do país, en que a prioridade é o teletraballo sempre que sexa posible.

A variante inglesa da covid−19 axudaría, segundo os expertos, á propagación do virus, e a ministra de Sanidade prevé que esta semana a incidencia desta variante sobre os novos infectados sexa de arredor do 60 %.

Noticias web

25/01/2021