CRTVG

Buscar

Portugal di que a fronteira estará pechada ata xullo polas restricións de España

Publicado o 02/06/2020 21:40

Portugal tiña pensando abrir totalmente as fronteiras o vindeiro 15 de xuño, pero esta tarde o Goberno anunciou que terán que estudar esta posibilidade.

Soubose da man do ministro de Administración Interna, Eduardo Cabrita, que estivo de visita no Porto. Cabrita dixo que non ten sentido abrir as fronteiras o vindeiro día 15 a visitantes se España mantén ata o día un de xullo a obrigatoriedade de facer corentena aos portugueses que crucen a raia.

O ministro portugués viuse aberto a dialogar co Goberno español para solucionar esta situación, pero dixo que parecía que dende Madrid xa tiñan a decisión tomada e que ata o día un de xullo manterían esas restricións. Unhas limitacións que non permitirían nin a españois nin portugueses ir de turismo ao outro lado da fronteira ou mesmo visitar amigos e familiares que hai xa 3 meses non se ven.

A desescalada supón ir construíndo novas pontes á liberdade de movementos, pero, polo de agora, a maior parte das que nos unen con Portugal continúan pechadas. Entre os usuarios, paciencia e resignación

O único dos seis pasos entre Pontevedra e Portugal que permanece aberto é o que une Tui e Valença. Unha restrición que, segundo os empresarios de ambos lados da raia, está a xerar moitas perdas económicas e que para moitas persoas supón percorrer cen quilómetros máis do habitual para chegar ao seu posto de traballo.

Este peche de fronteiras, agás por razóns laborais, non só afecta a mobilidade e a economia, tamén os estreitos lazos que existen entre os veciños de ambos lados do Miño. O seu contacto diario, a súa amizade permanece restrinxida e limitada como a ponte que os separa.

 

Noticias web

02/06/2020