CRTVG

Buscar

Portugal abre a man no Nadal, pero pecha a mobilidade en fin de ano

Publicado o 05/12/2020 18:51

 

 

Portugal abre a man no Nadal, pero pecha a mobilidade en fin de ano

Portugal vai relaxar as restricións no Nadal para permitirlles ás familias viaxar e reunirse, co que atrasará o toque de queda ata as dúas da mañá, pero será máis duro en fin de ano. Restrinxirá nesa data a mobilidade entre concellos.

O primeiro ministro anunciou as novas medidas que estarán vixentes durante as festas, pero António Costa asegurou que non teñen por que ser as defintivas, xa que se revisarán o 18 de decembro. Dixo que o Goberno non incentiva os encontros, pero permite que se realicen, ante a característica das datas. As xornadas do 23, 24, 25 e 26 de decembro non haberá restricións de mobilidade no país e o toque de queda atrasarase ata as dúas da mañá o 24 e o 25. O día 26 estará fixado ás 23:00 horas para que as familias poidan regresar á súa residencia habitual con calma.

A tolerancia será menor en fin de ano, coa prohibición de desprazamentos inxustificados entre concellos e prohíbense as festas abertas ao público en Noitevella, cando o toque de queda tamén será as dúas da mañá. Tampouco se permiten concentracións de máis de seis persoas na vía pública. A diferenza doutros países europeos, en Portugal non se establece un número máximo de persoas nas celebracións familiares, para non inmiscirse nas vidas das familias.

Portugal seguirá case con seguridade en estado de emerxencia durante as festas do Nadal.