CRTVG

Buscar

Investigan a orixe do brote de coronavirus en Vilalba, que suma catro positivos

Publicado o 17/07/2020 12:29

Catro persoas foron diagnosticadas con Covid-19 na localidade lucense de Vilalba. Así o ratificaron fontes sanitarias, que informaron que ao seren confirmados os positivos se activaron os protocolos correspondentes a fin de rastrexar e illar aquelas persoas que puidesen manter un contacto estreito cos infectados.

As catro persoas teñen nexos familiares entre si e atópanse illadas nos seus domicilios.

O xornal El Progreso indica que unha das hipóteses que se manexan é que o contaxio se puido producir nunha reunión familiar celebrada a primeira fin de semana de xullo.

Pola súa banda, as fontes sanitarias ratificaron que está en estudo se é un contaxio importado da comarca da Mariña.

O Concello suspende dúas actividades esta fin de semana por "precaución"

Ante esta situación, o Concello de Vilalba decidiu aprazar dúas actividades que estaban previstas para esta fin de semana por "precaución", indicou a alcaldesa da localidade, Elba Veleiro.

En concreto, suspendéronse as actividades de 'Lecer no rural' e a proxección dunha película nun espazo aberto este sábado.

Aínda que nos dous casos eran no exterior e ían aplicarse medidas de distanciamento e hixiene, o Concello decidiu pospoñer os eventos.

A detección destes casos é un recordatorio para "non perder o respecto" ao virus, declarou a alcaldesa. Por iso, insistiu en que a poboación, en especial os mozos, debe concienciarse "de que hai que respectar as normas".

Neste sentido, indicou que lle parece "ben" que a Xunta faga obrigatorio o uso de máscara aínda que se poida manter a distancia de 1,5 metros.

Na localidade lucense, afirmou, notouse un maior uso deste elemento desde que se detectou o brote da Mariña.

A alcaldesa sinalou tamén que lle preocupan os locais de lecer nocturno, debido a que é onde adoita haber "acumulación" de xente e non sempre contan cunha ventilación adecuada.

Máis sobre Vilalba