CRTVG

Buscar

Política Social asegura que a situación na maioría de residencias galegas está controlada

Publicado o 19/09/2020 21:14

Os maiores están a ser o sector máis vulnerable da pandemia e moitas residencias pasaron ou están a pasar por momentos complicados...
Aquí en Galicia, hoxe falecía no Hospital Universitario Lucus Augusti outra usuaria da residencia de Outeiro de Rei... O undécimo falecemento vencellado ao gromo desta residencia na que hai 135 positivos entre os usuarios e 22 entre os traballadores.
E no Incio, os veciños saían hoxe á rúa para apoiar os usuarios e traballadores da residencia de maiores, onde se rexistraron 21 falecementos desde que a covid entrou neste centro a mediados de agosto.
Con pancartas de alento, quixeron transmitir o seu ánimo a todos os afectados. Arestora hai 58 casos activos entre os residentes e 35 entre os traballadores.

Desde a Consellería de Política Social seguran que a situación nas residencias galegas está controlada. Defenden a intervención que fixo a Xunta naqueles centros de maiores públicos ou privados nos que se descontrolaron os gromos.
"Por fortuna nestes momentos o 99% das residencias de Galicia non contan con ningún caso positivo nin en residentes nin en traballadores, é o camiño que imos seguir", dixo Fabiola García Conselleira de Política Social.
Aínda así recoñecen carencias no actual modelo de residencias. Desde a Xunta cren que hai que impulsar "un novo modelo" no que xa están a traballar, aseguran, Política Social e Sanidade, e que esperan consensuar con todo o sector residencial.

Noticias web

19/09/2020

Máis sobre actualidade