CRTVG

Buscar

Policías e gardas civís denuncian que están a traballar sen equipos axeitados

Publicado o 26/03/2020 14:54

O Sindicato Unificado da Policía Nacional e a Asociación Unificada de Gardas Civís presentan unha denuncia ante a Inspección de Traballo pola falta de equipos de proteción individual. Lembran que eles están moi expostos e corren un grave risco.

Os axentes denuncian a falta de equipos de protección individual para evitar o contaxio por coronavirus. Lembran que o seu colectivo está moi exposto e que traballar nesas condicións é especialmente perigoso.

Roberto González, secretario xeral de SUP Galicia: "Os axentes que están saíndo á rúa non teñen ese equipo do que falan os nosos responsables. Levan equipos caseiros na maior parte dos casos".

Ante esta situación, o Sindicato Unificado da Policía Nacional presentou conxuntamente coa Asociación Unificada de Gardas Civís unha denuncia ante a Inspección de Traballo.

Roberto González, secretario xeral de SUP Galicia: "En calquera intervención temos que pór os medios e actualmente non os temos. Esa é a realidade, e por iso decidimos acudir á Inspección de Traballo para que comprobe que non temos os medios de protección axeitada. A iso hai que engadir as medidas de desinfección. Os vehículos non se desinfectan do xeito correcto e iso aumenta o risco ao que nos expomos en calquera das nosas intervencións".

En Galicia, sete axentes da Policía Nacional están contaxiados, un deles permanece ingresado. Piden que se axilicen os tests porque hai outros 50 que continúan pendentes da proba.

Noticias web

26/03/2020