CRTVG

Buscar

A Garda Civil denuncia a Iberia polo voo entre Madrid e Gran Canaria ateigado de xente

Publicado o 11/05/2020 15:47

A Garda Civil denunciou a Iberia Express por incumprir, as medidas sanitarias incluídas no real decreto que regula o estado de alarma. Aconteceu no voo que operaba este domingo dende Madrid a Gran Canaria.

Despois de coñecer a información que se difundía nas redes sociais sobre a alta ocupación deste voo, e que impedía que a pasaxe puidese gardar a distancia de seguridade recomendada polas autoridades sanitarias, varios axentes compareceron no aeroporto de Gran Canaria para efectuar unha serie de comprobacións, segundo informaron fontes do instituto armado este luns.

Membros da Garda Civil agardaron a pé de pista a que aterrase o avión para poder realizar unha inspección na que os axentes puideron constatar que a aeronave partira de Madrid cunha ocupación que superaba o 70 % da súa capacidade.

A denuncia foi remitida á Delegación do Goberno en Canarias e, tamén, neste caso, a Aviación Civil, ao ser os organismos competentes en materia de seguridade aérea.

Foron os propios pasaxeiros os que a tráves das redes sociais difúndían estas imaxes: o voo cheo e eles mesmos pedíndolle explicacións á tripulación polo que estaba a suceder.

Din que non se respectou a norma dun asento libre entre pasaxeiros recomendada polos protocolos de prevención do coronavirus


Nun comunicado a compañía asegura que está a cumprir con tódalas medidas para protexer a clientes e empregados. Aínda así o Goberno canario insiste e pídelles ás aeroliñas que respecten a distancia entre pasaxeiros nos voos con destino e saída do arquipélago.

Noticias web

11/05/2020