Polémica na Coruña por unha nova parada do autobús no centro da cidade
A manobra que fan os autobuses urbanos que circulan pola rúa de Santo André para entrar na rúa Sol é a que preocupa os veciños da zona.
"É un perigo porque por aí pasan moitos nenos e os autobuses articulados teñen que invadir as dúas beirarrúas para poder xirar", comenta unha veciña.
Culpan do problema a nova parada do bus que instalaron hai apenas unha semana e que non gusta á maioría dos veciños.
"É un perigo porque non hai visibilidade, os coches teñen que subir á beirarrúa para adiantar os buses e a min onte case me atropelan", engade un veciño.
Pero algúns comerciantes, malia que ven o perigo que supoñen agora os autobuses, si cren que a nova parada beneficia os seus negocios.
"Foi unha petición dos comerciantes de San Agustín e para nós é bo que pare aquí a xente porque nos ve máis...", explica un comerciante.
"Para nós prima máis a seguridade que os intereses dos comerciantes. Non o vemos viable".
Xa deron as súas queixas ao Concello e agora pensan en presentar unha denuncia na policía. Todo por recuperar a seguridade viaria.