CRTVG

Buscar

Podemos e os sindicatos non apoian a intención do Goberno de desincentivar a xubilación anticipada

Publicado o 10/09/2020 20:07

As xubilacións anticipadas medraron nos últimos cinco anos un 66 por cento. O ministro de Seguridade Social cre que hai que desincentivalas para combater o déficit estrutural do sistema público de pensións.
Escrivá propón que quen se xubile anticipadamente cobre un 8 por cento menos que se o fixera no seu tempo, e non que perda un dous por cento como ocorre agora.

"Probablemente teñamos un exceso de xubilación voluntaria anticipada por un mal deseño dos desincentivos a utilizalo. Hai uns coeficientes de redución da pensión que aínda que formalmente son do 8%, de facto para moitas persoas están máis arredor do 2 ou do 3%", di Hosé Luís Escrivá, ministro de Seguridade Social.
Unidas Podemos rexeita que haxa demasiadas xubilacións anticipadas como di o ministro de Seguridade Social.

"Non estamos de acordo con ese punto concreto que propón o ministro Escrivá e esperamos poder convencelo cos argumentos de que non é boa idea alongar a idade de xubilación", afirma Pablo Echenique, portavoz de Unidas Podemos no Congreso.
Tampouco están de acordo os sindicatos. Desde a UXT apúntanlle ao ministro que a maioría dos que se xubilan anticipadamente fano porque non teñen outra alternativa.

"Este señor non sabe que a inmensa maioría das persoas que se xubilan anticipadamente neste país é porque non teñen emprego?. Non sabe que é porque non teñen nin prestacións por desemprego? que teñen que xubilarse obrigatoriamente porque non teñen outra alternativa?", pregunta Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT.

O secretario xeral da UXT lánzalle outro aviso ao Goberno, o de que non aproveite a pandemia para recortar as pensións.
 

Noticias web

10/09/2020