CRTVG

Buscar

Pleno de investidura sen candidato na Asemblea de Madrid tralo fracaso das conversas entre CS e Vox

Publicado o 10/07/2019 08:25

O debate de investidura en Madrid celébrase hoxe sen un candidato a presidir a comunidade. A reunión a tres bandas entre PP, Ciudadanos e Vox remata sen acordo. O intento in extremis de Ignacio Aguado para desbloquear a situación non deu resultado, pero a voceira de Vox, Rocío Monasterio, di que saíu contenta da reunión e que teñen aínda moito tempo ata setembro.

"Lamentablemente teño que comunicarlles que non fun quen de convencer a señora Monasterio de que non bloquease a investidura da señora Ayuso", comunicaba onte o aspirante a vicepresidir a Comunidade de Madrid. Ignacio Aguado, de Cs, accedeu a sentar con Vox a menos de 24 horas do pleno. 

Despois de asinar un pacto de 155 puntos co Partido Popular para facer presidenta a Isabel Díaz Ayuso, non houbo acordo cos de Abascal e hoxe a Asemblea madrileña celebra un pleno instrumental, sen candidato, que -iso si- pon en marcha o reloxo: se non hai presidente en dous meses, haberá repetición electoral. "Nós estamos moi contentos, porque que a xente fale é o primeiro paso para que se chege a acordos", dixo Rocío Monasterio.

A reunión comezaba con este recado a ambos partidos por parte da popular Díaz Ayuso: "Se ti lle pides os votos a Vox, o lóxico é que fagas unha foto con Vox, é o que hai. O que non vale é dicir eu quero os votos de Vox pero que non me miren. O que ten que entender Vox tamén é que as negociacións non se poden facer in extremis"

Pero desde Vox din que queda moito tempo para negociar. De momento nin houbo acordo, nin movementos, nin matices ao pacto asinado entre PP e Ciudadanos. Más Madrid e Unidas Podemos non son partidarios de celebrar un pleno sen candidato. "Cremos que a señora Díaz Ayuso non ten os números nin para tentar a investidura, e non tería ningún sentido que nos abocaran á súa investidura", dixo Íñigo Errejón, o candidato de Más Madrid.
Isabel Serra, de Unidas-Podemos, engade que "queren "un goberno de progreso, un goberno de avance". Pídenlle ao presidente da Asemblea que rectifique e propoña a investidura do socilialista Ángel Gabilondo, que neste momento sumaría máis apoios.
 

Noticias web

10/07/2019