CRTVG

Buscar

Pino presentará a súa candidatura ás primarias de Ciudadanos Galicia, cuxas votacións serán a fin de semana

Publicado o 17/02/2020 17:45
Pino presentará a súa candidatura ás primarias de Ciudadanos Galicia, cuxas votacións serán a fin de semana

 A xestora de Ciudadanos aprobou este luns poñer en marcha as primarias para elixir os seus candidatos aos comicios vascos e galegos, que serán o 5 de abril. No caso de Galicia, a responsable adxunta de Comunicación da dirección interina e ex-deputada por Pontevedra, Beatriz Pino, presentará a súa candidatura. A portavoz da xestora, Melisa Rodríguez, explicou en conferencia de prensa que os aspirantes poderán postularse a partir deste martes e que os afiliados poderán votar desde as 10.00 horas do sábado ata as 10.00 do domingo.

Segundo indicou Rodríguez, este procedemento é necesario en todo caso, sexa presentándose o partido coas súas propias siglas ou dentro dunha hipotética coalición co PP, xa que neste segundo suposto serviría para determinar a orde dos candidatos na lista. Deste xeito, é probable que Ciudadanos conte xa a próxima fin de semana co seu candidato á Xunta tras varios días en que a xestora tentou forxar unha alianza cos populares con vistas aos comicios vascos e cataláns do 5 de abril, pero tamén aos cataláns, para os que aínda non hai data. Así, salvo que se presente nos próximos días unha candidatura alternativa, a portavoz de C,s Galicia, Beatriz Pino, podería ser a candidata á presidencia da Xunta.

A xornalista viguesa, quen nos últimos meses gañaba peso na dirección estatal ao formar parte da xestora, asegurou o venres que tentará a candidatura conxunta "ata o último momento". Nas autonómicas de 2016, o partido laranxa tentouno coa tamén xornalista viguesa Cristina Losada, pero quedou fóra do Pazo do Hórreo ao obter un 3,38% dos votos, por baixo do 5% mínimo que establece a lei electoral galega.

Melisa Rodríguez tamén avanzou que a dirección do partido espera falar este luns ou martes co secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, sobre a posibilidade de concorrer xuntos ás próximas eleccións autonómicas, e advertiu que sería "imperdoable" que os populares perdesen o poder en Galicia por rexeitar esta opción. "O PP segue dubidando sobre se sumar ou non", lamentou en conferencia de prensa tras a reunión da xestora de C,s, onde acusou este partido de seguir "antepondo os seus intereses" a pesar de ter ante si "situacións excepcionais e momentos excepcionais". Rodríguez insistiu en que "é o mellor momento para ir unidos ante a ameaza nacionalista".

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí