CRTVG

Buscar

Admite que abusou de 14 nenas na Coruña e afronta 38 anos de cárcere

Publicado o 04/02/2020 11:20

Un home acusado de abusar sexualmente de catorce nenas na Coruña, ás que perseguía ata os seus portais para realizarlles tocamentos, admitiu este martes os feitos.

O fiscal solicitaba nun primeiro momento 51 anos de cárcere pero, ao final da sesión, rebaixou a petición de pena a 38 anos de prisión por entender suprimido a agravante de reincidencia derivada dos antecedentes penais por unha anterior condena ditada en 2008 pola Audiencia Provincial de Ourense por mor de feitos similares.

No xuízo, celebrado na Audiencia Provincial da Coruña, o sospeitoso de trasladarse á Coruña entre xuño de 2018 e xaneiro de 2019 e seleccionar ao azar estudantes que camiñaban soas cara ás súas casas -todas menores de 16 anos excepto unha-, acceder aos portais dos seus edificios e realizarlles tocamentos, declarouse "culpable" de todos os casos, salvo dun.

O procesado, que permanece en prisión por estes feitos, sostivo que se remite "ao declarado anteriormente", cando o detiveron o 18 de xaneiro de 2019 e recoñeceu que lle gustaba e que o excitaba o contacto físico coas menores: "Ía detrás delas, tocáballes o cu e marchaba", sinalou.

Así, o home, que negou padecer algunha enfermidade mental, asegurou que o día que foi detido residía en Santiago de Compostela e acudiu á Coruña a unha entrevista de traballo, feito que aproveitou para cometer un dos abusos na zona de Monte Alto.

Cando lle preguntaron se o facía "en anteriores ocasións" respondeu que "si"; con todo, na anterior declaración á que se remitiu de maneira constante negara un dos casos.

Durante a sesión, declararon doce das menores, que relataron como o acusado as perseguiu ata os seus portais e, á maioría, tocoulles o cu por debaixo das saias.

Todas as vítimas identificárono en rodas de recoñecemento e moitas delas padecen problemas psicolóxicos, de insomnio ou teñen medo a saír á rúa na actualidade, aseguraron na sala. Segundo a Fiscalía, todas tiveron algunha "afectación", salvo unha delas.

A última nena da que presuntamente abusou declarou que, coa axuda duns mozos que estaban preto da escena, pararon o sospeitoso cando "se foi correndo", chamaron a policía e conseguiron que o detivesen.

"Primeiro pensei que era un veciño, pero non me soaba de nada. Dei a volta, collín o móbil e tocoume o cu. Pregunteille que estaba a facer e foise correndo. Seguino, había uns mozos preto, díxenlles que o parasen e chamei a policía", relatou esta menor.

Nun dos casos, ocorrido o 1 de decembro de 2018, o home perseguiu dúas nenas á vez, unha delas de once anos e outra de nove, ás que, segundo a Fiscalía, tocou na "cara, peito e vaxina": "Primeiro empezou a tocar a miña curmá e logo a min", narrou unha delas.

Noutro dos feitos, que o Ministerio Público cualifica como delito de abuso sexual en grao de tentativa, a menor relatou que se lle abalanzou pero non chegou a tocala.

O home xa estivo en prisión anteriormente, entre 2008 e 2012, condenado por sentenza firme ditada pola Audiencia Provincial de Ourense por un delito continuado de agresión sexual en grao de tentativa e outro consumado, segundo matiza o Ministerio Público no seu escrito de cualificación.

En todos os delitos que se lle imputan -dos que dous deles son delitos de abusos en grao de tentativa- concorre a circunstancia agravante de reincidencia e nun dos casos, a atenuante simple de confesión.

Así, o fiscal demanda que o procesado non poida aproximarse a menos de 500 metros das vítimas nin comunicarse con elas durante un período de tempo de entre catro e oito anos.

Solicita tamén o pago de indemnizacións para cada unha das vítimas de entre 1.000 e 2.000 euros, aínda que puntualiza que o pai dunha delas renunciou a calquera tipo de resarcimiento.

Ao saír do xuízo, os dous homes que axudaron a que a Policía Local detivese o procesado, Mario e Adrián, relataron, en declaracións aos medios, que escoitaron unha nena "gritar", pararon o home que "non opuxo resistencia" e chamaron a policía.

Noticias web

04/02/2020